O Clube da Lingua do IES de Porto do Son

linguason

Xuño 10th, 2011 at 07:37

Tahúme

Non será o último deste curso 2010-2011, pero neste vídeo hai algo de despedida de verán ao proxecto e aos traballos de SonCine (ata setembro que rodaremos unha curta: “Sen ti”): agárdannos unhas merecidas vacacións.

Grazas a tod@s por estar aí. TERRA A NOSA!!!

O traballo é do alumno Katsuma Sampedro.

Etiquetas: , , ,
comments Comentarios desactivados en Tahúme    -
Xuño 8th, 2011 at 17:12

As nosas recomendacións literarias: ‘Memorias dun neno labrego’, de Xosé Neira Vilas

Memorias dun neno labrego trata sobre a vida dun rapaz pobre, que non vivía moi feliz coa súa familia debido a todos os problemas que tiñan. Nesta historia móstrase a vida tan dura que tiñan antes, nos tempos nos que a xente tiña que emigrar para conseguir un bo traballo ou simplemente algún oficio no que puideran gañar diñeiro para poder cubrir as súas necesidades.

O protagonista chámase Balbino, é un rapaz aventureiro e pícaro, que vive unha serie de conflitos ó longo da historia pero que finalmente consegue superar. Hai numerosos personaxes neste conto cos que Balbino terá algunha que outra relación, uns seran os seus amigos, a súa familia, os mestres, os seus veciños, a mestra da que se namora, etc.

A historia de Xosé Neira Vilas sitúase na Galiza dos anos 40, na época das emigracións dos galegos a América, momentos moi duros para a xente deses tempos.

Na miña opinión este é un gran libro porque nos mostra a dura realidade que vivían día a día as persoas durante eses anos nos que había tanta pobreza. Recoméndoo a todo o mundo xa que é unha grande novela e gustoume moito.

Nerea González (4º C)

Etiquetas: , , ,
comments Comentarios desactivados en As nosas recomendacións literarias: ‘Memorias dun neno labrego’, de Xosé Neira Vilas    -
Xuño 7th, 2011 at 23:33

As nosas recomendacións literarias: ‘Limpeza de sangue’, de Rubén Ruibal

Da nosa compañeira de equipo e experta en teatro, Ánxela Doval, chéganos esta reseña sobre a obra de Rubén Ruibal galardoada co Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais no 2005 e o Premio Nacional de Literatura Dramática, concedido por el Ministerio de Cultura no 2007:

Sempre que volvo a revisar Limpeza de sangue teñoa mesma sensación: paréceme que estou a ler un guión dunha película. As escenas son moi breves, as acoutacións son extremadamente precisas e os sucesos están encadeados con tanta sutileza que tes que ler con moita atención se non queres perderte nada. A obra trata de dous enfermos, Pantaleón e Fernando, que coinciden na sala de diálise dun hospital agardando os seus respectivos trasplantes e, forzados por las circunstancias, xorde unha profunda amizade entre eles. Pertencen a mundos absolutamente opostos, un é un arquitecto culto e refinado e o outro un ex-heroinómano dos arrabaldos da cidade, pero pouco e pouco imos descubrindo que ademais da súa enfermidade teñen en común tamén as súas actividades nos límites da ilegalidade o que lle serve ao autor para destacar a parte máis ruín e corrupta da nosa sociedade. Dirixe a súa crítica á pouca sensibilidade que demostran os profesionais sanitarios, á crueldade e corrupción que existe na policía, o poder de que gozan as grandes empresas inmobiliarias, entre outros temas. Toda a obra desenvólvese nun espazo urbano terriblemente hostil cheo de personaxes perversos e os únicos que se salvan desa mesquindade son os dous protagonistas e mais a muller dun deles, que son tratados polo autor cun enorme cariño e sensibilidade.

Anímovos a que leades Limpeza de sangue, máis que teatro sentiredes que estades a ler unha novela.

Etiquetas: , , , , ,
comments Comentarios desactivados en As nosas recomendacións literarias: ‘Limpeza de sangue’, de Rubén Ruibal    -
Xuño 5th, 2011 at 09:50

Manolo González, XII Premio Leixapén

Seguimos editando materiais sobre o evento que o pasado venres 27 de maio se celebrou no noso Instituto, o Encontro do Audiovisual Escolar Galego e a entrega do XII Premio Leixaprén, e adiantamos que nos próximos xa poderemos ver a curta que parte do alumnado asistente gravou baixo a dirección do profesor Fernando de Castro no Obradoiro de Rodaxe.

Agora imos cos discursos da entrega do XII Premio Leixaprén a Manolo González. Sede indulxentes coa calidade da imaxe e do audio: os medios de produción son os que son nos IES.

De parte de SonCine, aos 200 mozos e mozas, aos 30 docentes, aos profesionais do cine, ao Concello do Son, que estivestes aquí naquel día; e a ti Manolo, á volta de tantos camiños e ao comezo de moitos máis, o noso agradecemento.

Cinema, entusiasmo e apertas para tod@s vós.

Etiquetas: , , , ,
comments Comments (1)    -
Xuño 4th, 2011 at 00:13

Longa Lingua con Agustín Fernández Paz

Os Equipos de Normalización e Dinamizacion Lingüística cumpren 20 anos e celébrano cun acto no Museo do Pobo no que ademais recoñecerán o labor desenvolvido por Agustín Fernández Paz no ámbito da promoción da lingua no ensino e nas xeracións máis novas. No Equipo de Normalización do IES Aquis Celenis lembránnolo así.

Etiquetas: , , ,
comments Comentarios desactivados en Longa Lingua con Agustín Fernández Paz    -
Maio 31st, 2011 at 17:57

Unha festa da imaxe e a palabra

O pasado venres O Son foi unha festa, unha festa da imaxe e a palabra.

Pola fresca, empurrados polo vento do “nordés”, foron chegando os autobuses e preto de 200 rapaces e profesores de 18 vidos dende Valdeorras, Verín, A Estrada, Rois, Rianxo, Vigo… Todos eles, uníronse ao alumnado de audiovisual do IES de Porto do Son para celebrar o Encontro Audiovisual Escolar Galego e a entrega do XII Premio Leixaprén a Manuel González. Referente na base do audiovisual no ámbito escolar, coordinou o programa “A imaxe na escola” e foi responsable nos anos 80 da Área de cine e vídeo da Dirección Xeral de Cultura e da Videoteca de Galicia (xérmolo do CGAI). No eido da investigación, traballou no estudo e catalogación do patrimonio cinematográfico galego e da emigración. Levou a produción, guión e realización de varios programas e series para a TV, foi director da Escola de Imaxe e Son da Coruña e da Axencia Audiovisual Galega e responsable de proxectos pioneiros como Flocos.TV e Cinemas Dixitais.

O esforzo na organización por parte departamentos de Audiovisual, Normalización, Biblioteca, Galego e Educación Plástica víase recompensado coa vitalidade e frescura mostrada nos traballos presentados, pola emoción da creatividade compartida. Ana, David, Jonathan, Katsuma, Laura, Mareque, Natalia e Sara abriron o acto e fóronnos guiando polos vídeos dos distintos centros ata chegarmos á hora do grande momento: a entrega a Manuel González, por parte da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística Leixaprén e do IES de Porto do Son, do galardón en recoñecemento ao labor realizado na promoción e defensa da lingua galega no ámbito audiovisual. Con este premio estabamos tamén a simbolizar a adicación de todas aquelas persoas que introduciron e dinamizaron o audiovisual nos ámbitos afeccionado e escolar. Un emotivo vídeo dun grupo de alumnos do noso instituto sobre o antigo cine de Queiruga fixou nas nosas mentes cadeiras baleiras e voces do pasado que deron paso á entrega do agasallo realizado pola artesá sonense María Queiruga: unha caixa, un “cofre de tesouros”, lembranzas e esperanzas no futuro.

Pola tarde, o Encontro trasladouse ao IES de Porto do Son. Despois dun agradable descanso entre os piñeirais e a praia, dirixímonos ás aulas. Os rapaces asistiron a obradoiros sobre dirección, guión, produción, gravación, fotografía, deseño gráfico e difusión web cos profesionais dos medios audiovisuais: Luís Avilés, Mara González, Daniel Domínguez, Fernando de Castro, Fran Piñeiro, María Yáñez, Rebeca Ces e Suso Vázquez. Paralelamente, o profesorado de tódolos institutos participantes reuniuse para comentar as producións feitas co seu alumando, as dificultades e as posibilidades de mellora, contando, en todo momento, coa experiencia e consellos do homenaxeado. Da xuntanza naceu un compromiso: sentar os alicerces dun proxecto escolar audiovisual común.

Detrás dun día coma este hai necesariamente moita xenerosidade, afáns e desexos de educar e ser educados máis alá do enfaixamento do currículo, de aportar e adquirir ferramentas para crear, para enfrontar unha sociedade con forte presenza dos eidos audiovisuais e tecnolóxicos na que o galego ha de ter unha presenza enmarcada na identidade e na universalidade. Grazas a todos aqueles que, directa ou indirectamente, fixestes posible que se vise realizada con éxito esta festa da imaxe e a palabra.

Ficamos obrigados.

Etiquetas: , , , , ,
comments Comentarios desactivados en Unha festa da imaxe e a palabra    -
Maio 31st, 2011 at 06:30

O Cinefórum SonCine despediuse con Sepi Bazarra

Luís Avilés, Alberte Pagán, Jorge Coira e Xosé Manuel Bazarra Maneiro, “Sepi”. Este foi o elenco de directores que convidamos ao instituto para achegar o alumnado ao cinema galego, á creación e á arte na imaxe. Estes catro cineastas fóronnos levando da man na descuberta do que se anda a mover no audiovisual galego, invitáronnos a ollar, a imaxinar,a reflexionar… Foron catro mércores xenerosamente acompañados de alumnos e profesores, fóra do horario lectivo, bocata en man, partillando tempos, curiosidades e procuras. A boa acollida dá azos para continuar, para pensar en futuras propostas que fagan do noso centro un espazo onde outra forma de educar sexa tamén posible.

E con “Sepi”, nunha estival tarde instalada na primavera, voces en off, reflexións sobre a vida, sobre as vidas. Personaxes perdedores, que non fracasados. Crítica social e provocación. Divertimento. Producións dos comezos como Berberecho, un achegamento, coas mesmas claves, anos depois, a un produto subvencionado e máis comercial en Berberecho II. “Flirteos” coas “boddy movies” americanas no espazo galego en Los reyes del columpio. A vía da rede como canle de espallamento para pequenas pezas como Malamadre, Tú a Vigo y yo a la Coruña, No te vuelvas e as precuelas de Setembro -un proxecto de longametraxe que non chegou a producirse-.

Etiquetas: , ,
comments Comentarios desactivados en O Cinefórum SonCine despediuse con Sepi Bazarra    -
Maio 29th, 2011 at 18:42

Cartelería e cinema para engalanar o noso trimestre audiovisual

O pasado xoves, na véspera da gran festa que foi o Encontro do Audiovisual Escolar Galego e a entrega do XII Premio Leixaprén, estreouse no recibidor do instituto unha exposición sobre “O cinema e os carteis” elaborada polo alumnado de 3º da ESO baixo a coordinación de Alfonso Pérez, profesor de Educación Plástica e Visual. Esta mostra vén completar o proxecto interdisciplinar do curso, que ocupa nos últimos meses o traballo dos Equipos da Biblioteca e Normalización Lingüística, Audiovisuais, EPeV, Lingua Galega, etc.

Como poderedes ver, o labor desenvolvido nas aulas de Educación Plástica pagou ben a pena e volve mostrar uns resultados excepcionais tal e como fixeron no curso pasado en torno á banda deseñada. Moitos parabéns aos artistas!!!

Etiquetas: , , , ,
comments Comments (2)    -
Maio 28th, 2011 at 19:03

‘Humanose’, o novo disco de Dios ke te Crew

Dios Ke Te Crew, a formación que converteu o galego nunha das linguas internacionais do hip hop, lanza o seu novo disco, ‘Humanose’, e como adianto penduraron da súa web un tema no que colaboran Leo i Arremecághona e a vocalista Loli Nogueira. O tema pódese descargar xa de xeito gratuíto.

Logo de saír á luz o LP Xénese(2006), e lograr unha moi boa acollida por parte do público, Dios Ke Te Crew convértese nun referente da escena HipHop. Avalados pola crítica dende os seus inicios, conseguen sorprender a un público de diferentes tendencias musicas, factor que os propulsaría por toda a xeografía do país.

Despois dun ano sen realizar actuacións, no que estiveron encerrados no seu estudio (Rapapoulo, en Ordes), Dios Ke Te Crew anuncia o lanzamento do seu novo e esperado traballo discográfico. Baixo o título de Humanose, este álbum estará dispoñible en todas as tendas na segunda quincena do mes de xuño, composto por trece cortes inconfundibles e coa colaboración de diferentes artistas do eido musical.

Ademais, o traballo de de- seño e ilustración do disco corre a cargo de Liqen e Sekone, dúas importantes figuras do ámbito da arte urbana. Como adianto do traballo, DKTC acaba de publicar unha das cancións que se inclúen no disco, Dáme ighual, que conta coa participación de o Leo i Arremecághona e da vocalista Loli Nogueira. O tema xa se pode descargar gratuitamente na súa páxina web oficial.

A formación, considerados na actualidade como un dos grupos musicais máis influentes de Galicia, volverá pisar forte nos escenarios para presentar un traballo que xa está chamado a ser un dos discos do ano.

Fonte: Galicia Hoxe.

Etiquetas: , , , , ,
comments Comentarios desactivados en ‘Humanose’, o novo disco de Dios ke te Crew    -