O Clube da Lingua do IES de Porto do Son

linguason

Marzo 11th, 2011 at 00:15

As nosas recomendacións lectoras: ‘Ruído. Relatos de guerra’, de Miguel Anxo Murado

O libro de relatos Ruído está composto por trece breves capítulos relacionados coa guerra e os seus desastres. Miguel Anxo Murado escribe a historia dende o seu punto de vista como reporteiro. O libro está baseado na guerra da antiga Iugoslavia.

En cada un dos contos móstranos a peor das caras da guerra, se é que ten algunha boa. Neles aparece a forma na que os soldados, xornalistas, mercenarios e civís, intentan fuxir da morte, que por desgraza está omnipresente. Ademais, as historias desenvólvense entre un medo constante por parte dos protagonistas a ser asasinados ou caer nalgunha mina antipersoa. O autor fainos ver os múltiples desastres que acontecen nas guerras, dende a morte de soldados participantes nelas ata nenos inocentes, anciáns e incluso animais.

Ruído, relatos de guerra fainos ter unha idea desta masacre mundial que é a guerra, mostrándonos sen ningún tipo de reparo os seus tráxicos finais. Todos os contos teñen un final triste e dramático e cada un deles apórtanos algo máis sobre a guerra. Por outra parte, o autor define e describe os sucesos de cada conto cunha palabra: ruído.

Sinceramente, este libro de relatos é unha grande vía para coñecer aqueles aspectos máis escuros da guerra. A min gustoume moito xa que é un libro moi “forte” que fala da máis cruel realidade. Pódese dicir que é un libro “non apto para cardíacos”. Á parte disto está moi ben estruturado dividido en pequenos capítulos, o que fai que a lectura se faga máis sinxela. O único que a min non me gustou é o uso excesivo de palabras en croata, siglas (do exército, canles nacionais, hoteis…) e lugares onde transcorre a historia; estas formas fan que a lectura en algunha ocasión resulte confusa.

Recomendo a obra a todas aquelas persoas que lle gusten as novelas realistas e que sexan psicoloxicamente fortes. Ademais, fainos pensar na sorte que temos de vivir no país no que vivimos.

Martín Fernández Lojo (4ºA)

Etiquetas: , ,
-

Comments are closed.