O Clube da Lingua do IES de Porto do Son

linguason

Febreiro 28th, 2011 at 07:32

As nosas recomendacións lectoras: ‘Sen mirar atrás’ de Dani Montero

Demo Editorial fainos chegar Sen mirar atrás, primeira obra de Dani Montero, gañadora do V Premio de Banda Deseñada Castelao, convocado pola Diputación Provincial da Coruña.

A intriga, o misterio, asentan a base construtiva desta historia que nos invita a reflexionar sobre os camiños seguidos, os propios e os alleos, e a necesidade imperiosa para moitos de vivir “sen mirar atrás”.

Jaime buscara a “estabilidade emocional” que lle permitira “encaixar dentro da maquinaria social”, pero o emocionalmente estable fixérase rutineiro. A ruptura coa súa moza esperta nel o “instinto individualista” e opta “polo cambio”. Inicia así, xunto co seu can, e amigo, Tobías, unha viaxe para partir de cero. En palabras do autor, esta é “unha historia sobre a amizade” na soidade absoluta, ao tempo que supón unha aposta polas “segundas oportunidades”, “pola capacidade humana de equivocarse, cambiar e rehabilitarse”.

Tras a mudanza persoal agroman temáticas sociais: a loita polo día a día, a exclusión social e unha trama de abusos a menores.

O final da obra sorprende e aporta unha perspectiva novidosa, obriga á reinterpretación despois de ternos posicionado nunha lectura máis ou menos agradable pero previsible. Transforma e enriquece.

A edición en galego conta con 16 páxinas máis que a de castelán, ao incluír versións dos protagonistas da historia de outros debuxantes como Javi Montes, Santy Gutiérrez, Patri Castelao, Marcos Calo, Raúl Ariño, Manuel Cráneo, etc., xunto con bosquexos e ideas previas do autor.

Etiquetas: , ,
-

Comments are closed.