O Clube da Lingua do IES de Porto do Son

linguason

Febreiro 7th, 2011 at 08:20

As nosas recomendacións lectoras: ‘O retrato de Dorian Gray’, de Oscar Wilde

A beleza extrema de Dorian Gray é a fonte de inspiración para o mellor retrato do pintor Basil Hallway. Cando o artista lle fai entrega desta pequena copia da súa perfección, Dorian Gray cae en que o ben máis prezado que posúe reside agora nese cadro: a xuventude. Horrorizado ante a perspectiva de que os anos caerán sobre el deixando intacto o seu retrato, roga que sexa a pintura quen envelleza por el. O desexo élle concedido.

O ambiente paulatinamente máis escuro, mesturado coas suxerentes reflexións de Lord Henry, enrédannos a través das páxinas deste clásico da literatura gótica editado pola recentemente aparecida Urco Editora. Adiantado ó seu tempo, Oscar Wilde soubo reflectir sen eufemismos a cara menos amable da aristocracia da súa época con pinceladas fantásticas.

O retrato de Dorian Gray, utilizando como fondo a estética decadente do século XIX, somérxenos de cabeza no mundo dos sentidos, das sensacións, que moitas veces ignoramos ou menosprezamos. As descricións minuciosas dos minerais, dos olores, do luxo…, sempre nese fondo de melancolía, resultan unha das partes máis atractiva da novela.

Ademais, a busca enfermiza da beleza e as ganas de vivir e sentir do protagonista poderían encaixar perfectamente co perfil de calquera adolescente, coa súa inexperiencia, rebeldía e inconsecuencia. A sublimación do “eu” fronte ó mundo. Quizais, precisamente foi ese o motivo polo que foi revolucionaria na súa época, por ensinar unha parte de todos nós, salvaxe e incómoda, que non queremos admitir, pero que sempre estará connosco, durmida, latente baixo a razón.

Claudia Lestón Monteiro (4ºB)

Etiquetas: , , ,
-

Comments are closed.