O Clube da Lingua do IES de Porto do Son

linguason

Outubro 22nd, 2010 at 06:27

Vai de medo!

O medo, o terror, o máis alá… Defuntos, o Samaín… tradicións pagás e relixiosas que se mesturan! Máis alá de datas, supersticións ou crenzas, este foi e é un dos grandes temas da literatura e do cine. Así pois, un bo motivo para ir creando ambiente e, ao tempo, coñecer o imprescindible.

Pero isto non só queda nunha exposición máis ou menos terrrooorriiifiicaaa. O medo vai ás aulas da man de Edgar Allan Poe, Lovecraft, Washinton Irving, H.G. Wells, Robert L. Stevenson, Oscar Wilde, Agustín Fernández Paz, Anxel Fole, Ferrín ou Horacio Quiroga.

Este é o plan: lemos, lembramos, creamos, concursamos co creado, resolvemos enigmas e, o venres 30, nos recreos CURTAS DE TERROR NA BIBLIOTECA!


E isto non é todo!

Máis alá da mostra de libros de misterio e terror que podedes atopar no corredor, o subxénero do relato trabállase nas aulas de lingua a un ritmo demoníaco e febril para alimentar as máis perversas e reviradas plumas literarias e, o que é aínda máis pavoroso, hai quen acode ao encontro dos libros escuros para saciar a súa sede lectora.

Se queredes ler máis relatos de terror, a Biblioteca Virtual da Asociación de Tradutores Galegos ofrece unha boa mostra de textos da literatura universal en galego.

De Edgar Allan Poe, podemos ler “O bocoi de amontillado” e “O enterro prematuro”, relatos traducidos por Servando Doval, así como “Leonora” e “Tres domingos nunha semana”, vertidos ao galego por Maite Lorenzo e Marifé Vega Alba, respectivamente.

Bivir inclúe tamén varios textos de Washintong Irving, como  “A experiencia do estudante alemán”, “A lenda de Sleepy Hollow” e “Rip van Winkle”, textos traducidos por José Álvarez Vázquez. Pola súa banda, Paulo R. Ballesteros trae para o galego os “Contos da Alhambra” e Xoan Abeleira “O viaxeiro astral”, de Jack London. Por último, non podía faltar algunha mostra da narrativa da creadora de Frankenstein, Mary Shelley, da que podemos ler no noso idioma “Contos do morto inmortal” e “Roger Dodsworth. O inglés reanimado”, contos que traduciu Ana Vidal Castiñeira.

Etiquetas: , , , , , , ,
-

Comments are closed.