O Clube da Lingua do IES de Porto do Son

linguason

Maio 1st, 2010 at 08:44

A Banda Deseñada da man de Miguelanxo Prado

Os rapaces e rapazas de 4º da ESO e do Clube de Lectura e o alumnado que cursa Educación Plástica no Bacharelato asistiron onte no Salón de Actos a unha charla de Miguelanxo Prado. Grazas á teimosía do Equipo da Biblioteca e ás xestións da profesora Ánxela Doval, tivemos a oportunidade de coñecer o autor galego de banda deseñada máis recoñecido e premiado internacionalmente, que nos achegou as claves deste xénero a partir da obra de diferentes autores e da súa propia.

O debuxante coruñés situou o xénero en relación ás outras manifestacións artísticas, sobre todo establecendo as semellanzas e as diferenzas fundamentais respecto ao cinema, e pouco a pouco foinos introducindo no proceso de elaboración dun cómic: o deseño do guión, os bosquexos dos debuxos,  o xogo dos planos,  o papel dos textos, a estruturación das viñetas. a  coloración, etc. Especialmente atractiva foi a exemplificación que Miguelanxo fixo de todo este proceso a partir do seu Trazo de xiz, do que coñecemos as mesmas entrañas dende que era unha simple idea que o autor anotou  nun papel no trascurso dunha aburrida conferencia até que se converteu nun volume referencial no mundo do cómic tras tres anos de laborioso traballo.

Miguelanxo Prado foi premiado en diferentes certames e encontros especializados, como o Saló do Cómic de Barcelona e o Festival de Angulême, e o seu traballo atinxe os diferentes campos do grafismo e a ilustración, dende a pintura e o deseño gráfico ata colaboracións na prensa (Golfiño, El Jueves, La Voz de Galicia, etc.), en televisión (Xabarín Club) e no cinema, como responsable de Men in Black, serie de animación producida por Steven Spielberg. O responsable de “Viñetas dende o Atlántico”, o festival do cómic da Coruña, conta con traducións a diferentes idiomas de títulos como os premiados Trazo de xiz e Quotidiania delirante, que dende o pasado mes de febreiro conta cunha versión interactiva para iPhone.

En colaboración cos Departamentos de Lingua Galega e Educación Plástica, do Equipo de Normalización Lingüística e do Clube de Lectura, a Biblioteca do noso centro vén dedicando as últimas semanas a fomentar o coñecemento e a lectura do cómic entre o alumnado. Neste sentido, contamos cun novo catálogo de cómics para poñer a disposición dos lectores, cun obradoiro de elaboración de guións e con dúas exposicións cedidas por El Patito Editorial e a Consellaría de Cultura, que se suman aos superheroes elaborados polos alumnos de Plástica cos seus profesores e que enchen o recibidor do instituto. Así mesmo, no mes de maio proxectarase un ciclo de películas de ficción animada e o Clube de Lectura dedicou as súas sesións á posta en común de obras ilustradas, entre as que se atopan algúns dos títulos de Miguelanxo Prado.

Podedes ver máis imaxes do encontro con Miguelanxo Prado no álbum fotográfico de Certo, o xornal virtual do Barbanza.

Etiquetas: ,
-

Comments are closed.