O Clube da Lingua do IES de Porto do Son

linguason

Abril 29th, 2010 at 18:18

Miguelanxo Prado visita mañá o noso centro

A banda deseñada invade as aulas, o seminario de Educación Plástica, o recibidor e os corredores, as sesións do Clube de Lectura e os andeis da biblioteca do instituto no marco do programa de actividades que o Equipo da Biblioteca organiza neste mes de abril arredor do xénero do cómic coa colaboración do Clube da Lingua e os Departamentos de Plástica e Lingua Galega.

E mañá os grupos de 4º da ESO e o alumnado de plástica do Bacharelato asistirán a unha charla de Miguelanxo Prado, o autor galego de banda deseñada máis recoñecido e premiado internacionalmente, que conversará sobre a súa obra e o xénero no marco do programa que a Biblioteca vén dedicando as últimas semanas ao fomento e divulgación do cómic entre o alumnado.

Miguelanxo Prado foi premiado en diferentes salóns especializados no xénero e o seu traballo atinxe os diferentes campos do grafismo e a ilustración, dende a pintura e o deseño gráfico ata colaboracións na prensa (Golfiño, El Jueves, La Voz de Galicia, etc.), en televisión (Xabarín Club) e no cinema, como director do filme De profundis ou como responsábel da versión animada de Men in Black, da factoría Dreamworks de Steven Spielberg. O responsábel de Viñetas dende o Atlántico, o salón do cómic da Coruña, conta con traducións a diferentes idiomas de títulos como Trazo de xiz e Quotidiania delirante, que dende o pasado mes de febreiro conta cunha versión interactiva para iPhone.

Na seguinte entrevista que Miguelanxo Prado mantivo con carlos Blanco para o programa “Somos unha potenzia”, podedes coñecer algo máis a este coruñés internacional.

Etiquetas: ,
-

Comments are closed.