O Clube da Lingua do IES de Porto do Son

linguason

Abril 29th, 2010 at 18:04

Vai de banda de deseñada

Como vedes, neste mes de abril, mes do libro, A BANDA DESEÑADA ESTÁ A TOMAR O IES: dúas exposicións sobre a Banda Deseñada Galega, cedidas por El Patito Editorial e a Consellería de Cultura, acompañadas polos heroes dos cómics debuxados polo alumnado do departamento de plástica; guías didácticas sobre o noso cómic traballadas nas aulas de galego; a “maleta do cómic”, cedida por Bibliotecas Escolares, que movemos a través das titorías; a historieta francesa coa que andan a voltas os alumnos de francés de 3º de ESO;  a película de animación  Vals con Bashir para 2º de Bacharelato; a sesión de Fernando de Castro, un dos nosos profes de plástica, impartida a 1º e 2º de ESO  sobre o guión no cómic e na animación, e a charla do autor de fama internacional, Miguelanxo Prado,  organizada para mañá polo Clube da Lingua  para os  alumnos e alumnas de 4º de ESO e o alumnado de plástica de 1º e 2º de Bacharelato. A culminación dunha andaina iniciada a principio de curso coa visita ao centro de Anxo Fariña e o traballo plástico-literario realizado polos mozos e mozas de 3º de ESO.

Trátase pois, dun labor interdisciplinar organizado polo Equipo de Biblioteca e no que  colaboran o Club da Lingua e diversos departamentos. O noso obxectivo é que coñezades un xénero, de escasa repercusión entre o público xeral,  que esperta lembranzas para os que xa temos máis anos, e que está a sufrir neste momento un desenvolvemento importantísimo, case unha revolución,  tanto en cantidade como en calidade de produción.

Festivais e editoriais especializadas están a posicionar este xénero no lugar que lle corresponde. Entre outros, o Festival Internacional da Historieta de Angulema -celebrado dende 1974 nesta cidade ao oeste de Francia, que se ten convertido nun dos festivais internacionais de máis prestixio, á altura do ComicCon de San Diego– ou o Salón Internacional do Cómic de Barcelona, por citar algún dos de maior repercusión. Estes van hoxe acompañados por un certame que pouco a pouco se está a facer cun papel destacado no panorama internacional, o festival Viñetas desde o Atlántico, celebrado na Coruña dende 1998, que se vén a sumar a iniciativas como as xa veterenas  Xornadas de Banda Deseñada de Ourense ou ao máis recente Salón do Cómic de Cangas. No ámbito español, editoriais como Norma, Grijalbo-Dargaud ou Astiberri, van recibindo a recompensa ao  seu esforzo. O mesmo está a acontecer en Galicia. O soportal da banda deseñada galega dentro do Consello da Cultura,  editoras como BDbanda, El Patito Editorial, Factoría K de Libros, Xerais,… espallan o labor daqueles que iniciaron a banda deseñada galega e dos que hoxe dirixen a súa creatividade cara a este eido: Reimundo Patiño,  Xaquín Marín,  o Grupo Do Castro, Fran Jaraba, Migueanxo Prado, Pepe Carreiro, Fausto Isorna,  Norberto Fernández, Kiko da Silva, Fran Bueno, Jacobo Fernández, Rubín, …

Hai quen di que o vivimos un BOOM do cómic galego. SUMÉMONOS A EL e disfrutemos dun xénero sen fronteiras!!!!!!

Dende o equipo de biblioteca irémosvos deixando no blog reseñas dalgúns dos textos que vos recomendamos e que tedes a vosa disposición na biblioteca.

Ademais dos enlaces que vos damos ao longo desta reseña, recomendámovos os seguintes enlaces:

– O soportal da banda deseñada galega, dentro do Consello da Cultura Galega :http://www.culturagalega.org/bd/

– BDbanda: http://www.bdbanda.com/

– Páxina do colectivo de autores de cómic, ilustradores e deseñadores: http://www.polaqiacomic.com/

– Asociación galega de Profesionais da Ilustración AGAPI: http://www.agpi.es/ilustradores.php?obras=16&autores=

–  Páxina onde podedes ler cómic na rede: http://www.elultimolibro.net/2008/07/cmics.html

Etiquetas: , , , , , , ,
-

Comments are closed.