O Clube da Lingua do IES de Porto do Son

linguason

Abril 26th, 2010 at 20:22

As serpes cegas

Era unha desas lecturas pendentes que se facía presente con forza nos medios de comunicación, na rede, nas recomendacións dos amantes do cómic. Con guión de Felipe Hernández Cava e debuxos de Bartolomé Seguí, As serpes cegas acadou o Premio Nacional de Cómic do 2009, convocado polo Ministerio de Cultura. Este galardón súmase a outros xa recibidos como o Premio da Crítica, o Premio Diario de Avisos ao Mellor Guión, o Premio do Saló do Cómic de Barcelona á mellor obra e mellor guión.

A lectura non decepciona. Situámonos en 1939 en Nova York. Un misterioso home de traxe vermello busca a Ben para saldar contas. Mentres, Ben apura o tempo para levar a cabo a súa vinganza persoal. Cun ritmo narrativo dinámico, nunha atmosfera cercana ao cine negro americano,  os autores lévannos da man da intriga por un marco histórico recoñecible: a Guerra Civil española e os convulsos anos trinta sobre os que pairan ameazantes os totalitarismos enfrontados ás democracias.

O compromiso político, o idealismo, o desatino da loita.

Bartolomé Seguí consegue, coas súas imaxes, alimentar o sinuoso transcorrer da historia, un argumento que se move coma unha serpe necesariamente cega que se envolve en continuos flash-backs: contrastes de luz, cores avermelladas cargadas de simbolismo, escenas tan vitais que conseguen transmitir a friaxe da loita, a dor, a dúbida, mesmo a música que acompaña a saudade.

Especialmente fermosas son as páxinas que marcan os inicios dos capítulos.

Enriquecedora e brillante esta colaboración entre BDbanda que edita a obra en galego e castelán, e a editorial Dargaud, que o fai en francés.

Sonia Cés (Equipo da Biblioteca)

Etiquetas: , , ,
-

Comments are closed.