O Clube da Lingua do IES de Porto do Son

linguason

Xuño 30th, 2011 at 21:53

Dándolle voltas á lingua

O pasado mércores o Grupo de Teatro do instituto representou a obra “Ás voltas coa lingua” para o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO. Dirixidos pola profesora Ánxela Doval, por fin puidemos ver o que Josito, Antía Vidal, Rubén Ventoso, Mareque, María González, Nazareth e Ángel Glez. Mariño andaron argallando, con ilusión e traballo, durante moitas tardes deste curso.

Con “Ás voltas coa lingua” quixeron motivar en nós unha reflexión arredor da lingua (a nosa, o galego), sen deixar de facernos unha chiscadela cómplice e humorística… porque as cousas serias lévanse mellor co sorriso e a gargallada. E para iso nada mellor que adaptar algúns textos do Made in Galiza, de Séchu Sende, como “Eu fixen ouigha co espírito de Castelao”, “Clara”, “Nh positivo”, “O paracaídas” ou “Instrucciones para aprender a hablar gallego”.

E abofé que o conseguiron, non hai ver máis cás caras do público! Dende o Clube da Lingua estámoslles moi agradecidos a Ánxela e aos mozos e mozas do Grupo de Teatro pola súa implicación nas actividades do centro e polo  labor ben feito.

Etiquetas: , , , , ,
-

Comments are closed.