O Clube da Lingua do IES de Porto do Son

linguason

Xuño 16th, 2011 at 22:49

As nosas recomendacións literarias: ‘Un nome de dicionario’, de Amélie Nothomb

Dende o extremo Amélie Nothomb toca a nosa realidade máis próxima en Un nome de dicionario. Quizais, porque pretende mostrarnos a esencia de nós mesmos, que tan agudamente soubo extraer no seu estado máximo de concentración. Sen máis retoques nin lirismo dos que rodean á fabulosa protagonista. Unha prosa fluída e fácil aínda que non por iso simple. Sinxelamente, real.

Hei de dicir que, a pesar disto, rozou o decepcionante nas últimas páxinas que custa distinguir dunha novela adolescente calquera: os diálogos e reaccións, estereotipados, resultan imposibles de crer e considero que podería estar máis traballado o perfil psicolóxico de Clémence en comparación co minucioso retrato da personalidade que se fai de Plectrude. Pero todo isto foi salvado heroicamente e polos pelos polo fantástico final, tan inesperado, a tenrura infantil e caprichosa coa que decide que aquí acaba a historia.

Non podo afirmar que deixe un gran pouso no lector. Entretén, lese rápido e remata deixándonos un sorriso e o xesto cheo de perplexidade. Quizais faltou un pouco máis de ambición por parte da autora ou quizais realmente é esta a historia que quixo retratarnos, como un engadido máis da súa obra e non como unha das pezas clave da súa literatura.

Claudia Lestón (4º B)

Etiquetas: , , , ,
-

Comments are closed.