O Clube da Lingua do IES de Porto do Son

linguason

Xuño 7th, 2011 at 23:33

As nosas recomendacións literarias: ‘Limpeza de sangue’, de Rubén Ruibal

Da nosa compañeira de equipo e experta en teatro, Ánxela Doval, chéganos esta reseña sobre a obra de Rubén Ruibal galardoada co Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais no 2005 e o Premio Nacional de Literatura Dramática, concedido por el Ministerio de Cultura no 2007:

Sempre que volvo a revisar Limpeza de sangue teñoa mesma sensación: paréceme que estou a ler un guión dunha película. As escenas son moi breves, as acoutacións son extremadamente precisas e os sucesos están encadeados con tanta sutileza que tes que ler con moita atención se non queres perderte nada. A obra trata de dous enfermos, Pantaleón e Fernando, que coinciden na sala de diálise dun hospital agardando os seus respectivos trasplantes e, forzados por las circunstancias, xorde unha profunda amizade entre eles. Pertencen a mundos absolutamente opostos, un é un arquitecto culto e refinado e o outro un ex-heroinómano dos arrabaldos da cidade, pero pouco e pouco imos descubrindo que ademais da súa enfermidade teñen en común tamén as súas actividades nos límites da ilegalidade o que lle serve ao autor para destacar a parte máis ruín e corrupta da nosa sociedade. Dirixe a súa crítica á pouca sensibilidade que demostran os profesionais sanitarios, á crueldade e corrupción que existe na policía, o poder de que gozan as grandes empresas inmobiliarias, entre outros temas. Toda a obra desenvólvese nun espazo urbano terriblemente hostil cheo de personaxes perversos e os únicos que se salvan desa mesquindade son os dous protagonistas e mais a muller dun deles, que son tratados polo autor cun enorme cariño e sensibilidade.

Anímovos a que leades Limpeza de sangue, máis que teatro sentiredes que estades a ler unha novela.

Etiquetas: , , , , ,
-

Comments are closed.