O Clube da Lingua do IES de Porto do Son

linguason

Maio 31st, 2011 at 17:57

Unha festa da imaxe e a palabra

O pasado venres O Son foi unha festa, unha festa da imaxe e a palabra.

Pola fresca, empurrados polo vento do “nordés”, foron chegando os autobuses e preto de 200 rapaces e profesores de 18 vidos dende Valdeorras, Verín, A Estrada, Rois, Rianxo, Vigo… Todos eles, uníronse ao alumnado de audiovisual do IES de Porto do Son para celebrar o Encontro Audiovisual Escolar Galego e a entrega do XII Premio Leixaprén a Manuel González. Referente na base do audiovisual no ámbito escolar, coordinou o programa “A imaxe na escola” e foi responsable nos anos 80 da Área de cine e vídeo da Dirección Xeral de Cultura e da Videoteca de Galicia (xérmolo do CGAI). No eido da investigación, traballou no estudo e catalogación do patrimonio cinematográfico galego e da emigración. Levou a produción, guión e realización de varios programas e series para a TV, foi director da Escola de Imaxe e Son da Coruña e da Axencia Audiovisual Galega e responsable de proxectos pioneiros como Flocos.TV e Cinemas Dixitais.

O esforzo na organización por parte departamentos de Audiovisual, Normalización, Biblioteca, Galego e Educación Plástica víase recompensado coa vitalidade e frescura mostrada nos traballos presentados, pola emoción da creatividade compartida. Ana, David, Jonathan, Katsuma, Laura, Mareque, Natalia e Sara abriron o acto e fóronnos guiando polos vídeos dos distintos centros ata chegarmos á hora do grande momento: a entrega a Manuel González, por parte da Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística Leixaprén e do IES de Porto do Son, do galardón en recoñecemento ao labor realizado na promoción e defensa da lingua galega no ámbito audiovisual. Con este premio estabamos tamén a simbolizar a adicación de todas aquelas persoas que introduciron e dinamizaron o audiovisual nos ámbitos afeccionado e escolar. Un emotivo vídeo dun grupo de alumnos do noso instituto sobre o antigo cine de Queiruga fixou nas nosas mentes cadeiras baleiras e voces do pasado que deron paso á entrega do agasallo realizado pola artesá sonense María Queiruga: unha caixa, un “cofre de tesouros”, lembranzas e esperanzas no futuro.

Pola tarde, o Encontro trasladouse ao IES de Porto do Son. Despois dun agradable descanso entre os piñeirais e a praia, dirixímonos ás aulas. Os rapaces asistiron a obradoiros sobre dirección, guión, produción, gravación, fotografía, deseño gráfico e difusión web cos profesionais dos medios audiovisuais: Luís Avilés, Mara González, Daniel Domínguez, Fernando de Castro, Fran Piñeiro, María Yáñez, Rebeca Ces e Suso Vázquez. Paralelamente, o profesorado de tódolos institutos participantes reuniuse para comentar as producións feitas co seu alumando, as dificultades e as posibilidades de mellora, contando, en todo momento, coa experiencia e consellos do homenaxeado. Da xuntanza naceu un compromiso: sentar os alicerces dun proxecto escolar audiovisual común.

Detrás dun día coma este hai necesariamente moita xenerosidade, afáns e desexos de educar e ser educados máis alá do enfaixamento do currículo, de aportar e adquirir ferramentas para crear, para enfrontar unha sociedade con forte presenza dos eidos audiovisuais e tecnolóxicos na que o galego ha de ter unha presenza enmarcada na identidade e na universalidade. Grazas a todos aqueles que, directa ou indirectamente, fixestes posible que se vise realizada con éxito esta festa da imaxe e a palabra.

Ficamos obrigados.

Etiquetas: , , , , ,
-

Comments are closed.