O Clube da Lingua do IES de Porto do Son

linguason

Maio 31st, 2011 at 06:30

O Cinefórum SonCine despediuse con Sepi Bazarra

Luís Avilés, Alberte Pagán, Jorge Coira e Xosé Manuel Bazarra Maneiro, “Sepi”. Este foi o elenco de directores que convidamos ao instituto para achegar o alumnado ao cinema galego, á creación e á arte na imaxe. Estes catro cineastas fóronnos levando da man na descuberta do que se anda a mover no audiovisual galego, invitáronnos a ollar, a imaxinar,a reflexionar… Foron catro mércores xenerosamente acompañados de alumnos e profesores, fóra do horario lectivo, bocata en man, partillando tempos, curiosidades e procuras. A boa acollida dá azos para continuar, para pensar en futuras propostas que fagan do noso centro un espazo onde outra forma de educar sexa tamén posible.

E con “Sepi”, nunha estival tarde instalada na primavera, voces en off, reflexións sobre a vida, sobre as vidas. Personaxes perdedores, que non fracasados. Crítica social e provocación. Divertimento. Producións dos comezos como Berberecho, un achegamento, coas mesmas claves, anos depois, a un produto subvencionado e máis comercial en Berberecho II. “Flirteos” coas “boddy movies” americanas no espazo galego en Los reyes del columpio. A vía da rede como canle de espallamento para pequenas pezas como Malamadre, Tú a Vigo y yo a la Coruña, No te vuelvas e as precuelas de Setembro -un proxecto de longametraxe que non chegou a producirse-.

Etiquetas: , ,
-

Comments are closed.