O Clube da Lingua do IES de Porto do Son

linguason

Maio 24th, 2011 at 18:47

Sepi Bazarra pecha o Cinefórum Soncine

Deseñado a partir dun cartaz do festival Cineuropa anunciando traballos do propio Sepio Bazarra

Luís Avilés, un de Noia que colabora e anima o proxecto SonCine dende os seus inicios. Alberte Pagán, un dos mellores expoñentes do cinema experimental galego que cambiou as terras ourensás natais polo salitre do Son hai xa uns anos. Jorge Coira, director de terra adentro que procura parte do seu acougo estival entre nós. E Xosé Manuel Bazarra Maneiro, “Sepi”, un veciño noso que completa este poker de ases do audiovisual galego na primeira edición do Cinefórum Soncine.

Sepi Bazarra será o cuarto director que nos acompañará nestas sesións dos mércores do mes de maio que nos permitiron coñecer máis polo miúdo o mundo do audiovisual da man dos seus protagonistas. Ollamos, conversamos, descubrimos, aprendemos… cinema neste cineclube que contou co voso apoio, o do alumnado e o do profesorado, que fóra do horario escolar soubo corresponder coa súa presenza e complicidade a colaboración desinteresada e entusiasta dos nosos convidados.

Mais non é tempo de despedidas e valoracións posto que mañá recibimos a Sepi.

Sepi deixou a Enxeñeiría de Telecomunicacións porque prefería manexar aparatos que deseñalos. Produtor Audiovisual e especialista en Comunicación Audiovisual de titulación, centrouse no mundo da creación cinematográfica. Formouse laboralmente traballando de montador e en produción en programas da TVG: Galeguidade, Xabarín Club… e nalgún medio deportivo de comunicación por internet.

Mais a súa tarefa principal é a linguaxe cinemátografica realizando diversas curtametraxes como Berberecho, Os días do caos, Los reyes del columpio, 5 pezas ou Berberecho II, guions de longas como Benvidos a USA e sobre todo Setembro, a súa ópera prima como director de longametraxe, filme que ten pendente de levar á pantalla despois de ter feito todo o traballo de preprodución.

Para abrir boca, preme na imaxe.

Etiquetas: , , , ,
-

Comments are closed.