O Clube da Lingua do IES de Porto do Son

linguason

Maio 21st, 2011 at 10:56

Máis cinema con Jorge Coira

Onte, na terceira sesión do Cinefórum, organizado por Soncine, o Clube da Lingua e Biblioteca, tivemos a ocasión de coñecer o traballo de Jorge Coira, recentemente galardoado nos Premios Mestre Mateo.

Con el puidemos charlar da súa evolución e dos diferentes procesos creativos -semellanzas e diferenzas- na realización de curtametraxes, documentais, series para a TV e longametraxes. Algunhas das cuestións do alumnado dirixíronse á serie “Piratas” que dirixe con Jorge Saavedra e que está a emitir Telecinco.

Pero, por suposto, o máis comentado da tarde foi a longrametraxe 18 comidas: sete premios, entre eles á mellor montaxe, mellor dirección e mellor guión. Dentro do proceso de promoción da película, o director explicounos aspectos sobre o proceso de rodaxe, a montaxe, a importancia da improvisación como liña de interpretación, a escolla dos actores, a selección dos espazos ou a súa orixe da idea. O público quedou gratamente sorprendido ante a novidade e frescura do filme. Ficamos á espera de poder adquirila para a biblioteca do noso centro.

Tal e como fixeran Luís Avilés e Alberte Pagán, Jorge Coira aportou tamén unha óptica didáctica á súa exposición e aconsellou aos alumnos -e aos profes- sobre a necesidade de potenciar o espírito crítico e de fomentar a análise do que o audiovisual nos ofrece, ao tempo que salientou o valor que este eido ten como ferramenta comunicativa e artística. Non faltou unha invitación: “quen queira contar historias ten unha obriga moral coa humanidade”.

Van alá tres sesións. Tres maneiras de facer cine. Unha suxestiva forma de coñecer unha boa parte do que se está a facer no cine galego, o que nos dá unha mostra ben clara de por que estamos a ter un papel representativo neste eido. O esforzo do noso audiovisual vai dando os seus froitos. Galicia está presente no mundo a través da imaxe.

Etiquetas: , , , ,
-

Comments are closed.