O Clube da Lingua do IES de Porto do Son

linguason

Maio 17th, 2011 at 20:13

Jorge Coira participa mañá no Cinefórum SonCine

O director Jorge Coira será o protagonista mañá mércores, a partir das 15:30, da terceira sesión do Cinefórum SonCine, que organizan SonCine e os Equipos da Biblioteca e Normalización, tras o paso polo noso centro de Luís Avilés e Alberte Pagán neste mes de maio no que o noso instituto se mergulla no audiovisual e que remata coa grande festa do Encontro do Audiovisual Escolar Galego.

O cineasta lugués atópase na actualidade inmerso na fase de proxección comercial de 18 comidas, a súa última longametraxe, que está a ter unha grande acollida de público e crítica dende que se estreou en decembro e que vén de gañar sete galardóns nos Premios Mestre Mateo 2010, entre eles os premios á mellor montaxe, á mellor dirección e, xunto con A. Gonda e D. Ameixeiras, o premio Mestre Mateo ao mellor guión. Ademais, por este filme outorgáronlle o premio á mellor dirección no Festival Internacional de Taormina (Italia, 2010).

Jorge Coira comezou sendo coñecido por cinco curtametraxes que dirixiu durante a década dos noventa. Tivo unha breve pero intensa incursión nos docudramas, achegándose ao mundo das orquestras (“Chunda, chunda”), a Costa da Morte (“Vida nas mareas”) e a policía local (“092”). Fixo videoclips e foi director creativo de promocións da TVG (1996-1998). Desde 2001 retorna á ficción tanto en TV como no cinema, dirixindo entre outras a serie “Terras de Miranda” -con Chema Gagino-. Despois do telefilme “Entre bateas”, -centrado no mundo do narcotráfico-, “O ano da carracha” é a súa primeira longametraxe.

Diversos galardóns destacan na súa carreira. “Gran Liquidación” foi premiado en 1994 polo Concello da Coruña na categoría de mellor guión, no concurso “A Coruña… de cine”. En 1998 foi considerada a mellor curtametraxe na I Semana de Cine Celta. “O matachín” levou os premios á mellor curta no Festival Internacional de Cine de Ourense e no certame “Velvet” (ambos en 1996), e tamén recibiu o premio do público na III Mostra de Curtmetratges de Vilafranca (1998). “Chunda chunda” valeulle os de mellor director e mellor documental nos Premios AGAPI 2000. Por “O ano da carracha”, recibiu o premio Mestre Mateo 04 á mellor dirección. Nos Premios Mestre Mateo 2008 da Academia Galega do Audiovisual (entregados en 2009) resultou dobremente premiado, na categoría de mellor montaxe por “O menor dos males” e na categoría de mellor realización por “Padre Casares”, xunto con Carlos Sedes, Manuel Espiñeira e Álex Sampayo.

Etiquetas: , , , ,
-

Comments are closed.