O Clube da Lingua do IES de Porto do Son

linguason

Maio 11th, 2011 at 20:41

Solta de libros no IES de Porto do Son

O noso instituto acollerá entre mañá, xoves 12, e o vindeiro venres 20 de maio, unha novidosa iniciativa cultural para fomentar a lectura: unha solta de libros, ou bookcrossing, como se coñece a nivel internacional. Como bookcrossing coñécese a práctica de deixar ou liberar libros en lugares públicos para que outros lectores poidan recollelos e logo facer o mesmo. O obxectivo desta actividade que comezou no ano 2001 é facer cirular os libros de balde nunha especie de intercambio internacional que xa practican millóns de persoas en todo o mundo. Para poder liberar un libro é preciso rexistralo e obter un código de identificación na páxina de Bookcrossing, código que logo se porá nunha etiqueta na portada do libro e que permitirá que a persoa que o recolla poida consultar no web a orixe e o percorrido que trazou ese libro polo mundo antes de chegar ás súas mans.

Aínda que no noso instituto imos prescindir nesta primeira ocasión da identificación, o Clube da Lingua e a Biblioteca procuran estimular que os lectores acudan ao centro dispostos a soltar e atrapar libros, en galego, para festexar esta Semana das Letras Galegas.

E lembra, as dúas zonas de solta de libros atópanse:

– na entrada do instituto, enfronte da conserxería,

– e na entrada da biblioteca.

Non faltedes á cita: LIBERADE OS VOSOS LIBROS!!!

Etiquetas: , ,
-

Comments are closed.