O Clube da Lingua do IES de Porto do Son

linguason

Abril 13th, 2011 at 09:58

‘Os Barbanzóns’ volven a Porto do Son

Coincidindo coa chegada ás librarías do cuarto número da serie d’Os Barbanzóns, que leva por título A noite das cacharelas, a Casa de Cultura acollerá mañá, xoves 14 de abril, un completo programa de difusión da historia destes aguerridos guerreiros celtas, obra de Pepe Carreiro en edición da Editorial Toxosoutos. Igual ca en anteriores entregas, o castro de Baroña volve ser o marco no que Os Barbanzóns vaian de troula na noite de San Xoán ou festa do solsticio de verán.

A xornada dará comezo a  partir das 18:00 h. co seguinte programa:

  • Presentación d’A noite das cacharelas.
  • Proxección sobre o castro de Baroña.
  • Charla didáctica de Tito Conceiro.
  • Obradoiro de debuxo con Pepe Carreiro.

Recensión sobre a obra de Romina Bal no xornal Galicia Hoxe

O frío, a choiva e algún que outro raio de sol déixanse notar. As nosas miradas xa non reflicten o enérxico e afouto poder que cada un de nós desprende nos días solleiros. Todos, aínda que nos guste o noso clima, estamos a desexar a entrada do bo tempo. Unha tregua en forma de raiolas de sol e o aloumiño do bo tempo. Lembramos cada unha das festas e cuchipandas do verán con certa morriña.

Ás portas do verán atopamos unha celebración que nos encanta, a noite das cacharelas, a noite dos lumeiros, esa noite máxica que tamén nos define como pobo. Os Barbazóns son unha familia celta composta pola nai, unha vella do castro de Baroña chamada Tara; os tres fillos dela, Con, Bre e Lerankos; a nora Irlandesa, Guinness; o xenro das montañas orientiais do que hoxe é Galiza, Bar; os tres netos, Son, Baal e Minu, e un oso de nome Banza. Todos eles están de aventuras na banda deseñada ideada por Pepe Carreiro e editada por Toxosoutos, unha divertida proposta que volve con máis forza ca nunca.

Eles viven no Castro de Baroña, lugar especial onde as ondas do mar encallan para recrearse entre tanta fermosura, trátase dunha serie do Barbanza que vai pola súa cuarta entrega. Á noite das cacharelas precédena Baroña ou Morte, No solpor da prehistoria, e A noite de Samaín. Unha colección chea de humor irreverente para rapaces e non tan rapaces.

Nesta ocasión toda a xente do castro, especialmente os máis novos, prepáranse para vivir a noite máis especial do ano, para entendernos, o que era na altura da Idade de Ferro o que para nós, os nados despois de Cristo, é a noite de San Xoán. O cristianismo foi sempre moi hábil poñendo nomes de santos a festas de toda a vida. O que realmente celebran os protagonistas da historia que se conta neste libro é a festa do solsticio de verán, é dicir, a noite máis curta do ano…

Todos andan nerviosos carrexando madeira da serra ante a chegada inminente da noite. Todos están ansiosos por escoitar a música dos Coirostone de Safíns, grupo que vén alén do Miño e que volve tolas as raparigas do castro, especialmente a admirada Baal de Baroña, que está empezando a botar corpo de muller; á envexosa e coqueta Albiona, que non pode controlar os celos e á reivindicativa Brácara, á que lle espanta a idea da muller obxecto e o descoñecemento de que os celtas forman parte dun universo que se estende por Irlanda, Escocia, Gales, Cornualla, a Illa de Mam e Portugal.

Unha historia que narra a grande esmorga e dá conta das nosas tradicións ancestrais. Anímate a ler banda deseñada autóctona de calidade!

Etiquetas: , , , ,
-
1