Rebrincan os arroás diante dos nosos ollos. A beleza do mundo nas mans… pero o sargassum muticum, alga invasora aí impedindo a diversidade da vida: + info aquí sargassum.es/invasions.html.
Tiñamos unha débeda coa praia de Cabeiro: a praia do noso IES, a praia de noso. Foi boa de pagar grazas a Antón, a Xulio e a Lucía, do Departamento de Ciencias da Natureza, e ao alumnado de 3º de SonCine e aos de 5º A, que fixeron as fotos para un seu traballo. Escoitando a Antón dan ganas de ser outra vez un rapaz para ir á escola. Algúns mandaríns din que non traballamos; non ho!. A nosa ilusión sería que fose útil noutras escolas. «O MEU SON» é un proxecto de SonCine, dos alumnos de audiovisuais de 3º de ESO do IES de Porto do Son.
O pasado mércores o Grupo de Teatro do instituto representou a obra «Ás voltas coa lingua» para o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO. Dirixidos pola profesora Ánxela Doval, por fin puidemos ver o que Josito, Antía Vidal, Rubén Ventoso, Mareque, María González, Nazareth e Ángel Glez. Mariño andaron argallando, con ilusión e traballo, durante moitas tardes deste curso.
Con «Ás voltas coa lingua» quixeron motivar en nós unha reflexión arredor da lingua (a nosa, o galego), sen deixar de facernos unha chiscadela cómplice e humorística… porque as cousas serias lévanse mellor co sorriso e a gargallada. E para iso nada mellor que adaptar algúns textos do Made in Galiza, de Séchu Sende, como «Eu fixen ouigha co espírito de Castelao», «Clara», «Nh positivo», «O paracaídas» ou «Instrucciones para aprender a hablar gallego».
E abofé que o conseguiron, non hai ver máis cás caras do público! Dende o Clube da Lingua estámoslles moi agradecidos a Ánxela e aos mozos e mozas do Grupo de Teatro pola súa implicación nas actividades do centro e polo labor ben feito.
O cómic De Profundisde Miguelanxo Prado chega ao público despois de saír a película co mesmo nome, unha experiencia visual que fusiona a pintura, ao óleo dotada de movemento, con música do compositor Nani García.
Eu clasificaría este cómic-álbum, dentro do xénero fantástico, cun fondo moi romántico.
O seu argumento é sinxelo, trata sobre un pintor e unha violenchista que viven xuntos nunha casa no medio do mar. O pintor, que é un apaixonado do mar, vai de pesca cos mariñeiros e mentres eles faenan, el pinta. Un día teñen un naufraxio. O pintor esperta nas profundidades mariñas e descobre, da man dunha serea, que o mundo submariño é o mesmo que el imaxinara nas súas pinturas fantásticas. Pasa a formar parte dese mundo fantástico co que soñara mentres a súa muller toca incansable e melancólica, na espera constante.
Salientaría como tema principal o poder da imaxinación e o amor eterno entre os homes e a natureza, e tamén o amor pola música, que calma o espírito intranquilo.
É un cómic moi recomendable polas súas magníficas ilustracións e pola profundidade da súa mensaxe. Tamén aconsello a visualización do filme, que é como unha viaxe ao fondo do mar, unha historia de amor coma un soño animado.
Os lobos de Moeche , publicado por Demo Editorial, é un cómic que escribiu Manel Cráneo baseándose na guerra dos irmandiños. Neste trátase a historia dun rapaz chamado Martín que vivía no século XV, presionado pola nobreza galega. El e a súa nai repartíanse as tarefas da casa, xa que seu pai morrera e seu irmán marchara en busca dun mellor futuro. Na vida de Martín todo comeza a cambiar a partir dun estraño pesadelo. A causa dun terrible suceso, seu irmán voltará para buscalo e , xuntos, coa compaña da Santa Irmandade, emprenderán unha viaxe e comezarán unha guerra pola loita dos seus dereitos.
Eu creo que é un bo libro porque dá a coñecer como vivían antigamente os campesiños, como sufriu moita xente a guerra dos irmandiños. A min gustoume como conta a historia, polo vocabulrio tan sinxelo que utiliza e porque dá a coñecer, dun xeito «divertido» datos que eu descoñecía. Por outra banda, resultoume algo complicado, ás veces, recoñecer os personaxes. Ademais tamén me fixo reflexionar sobre a sorte que teño de vivir nesta época.
Neste enlace podedes ler unha entrevista ao autor sobre e obra. Este é o avance da editorial:
A cita é mañá e serán dous pases, ás 10:30 e ás 12:30, para o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO.
Eles son Josito, Antía Vidal, Rubén Ventoso, Mareque, María González, Nazareth e Ángel Glez. Mariño.
Forman o Grupo de Teatro do noso instituto baixo a dirección de Ánxela Doval.
Interpretarán textos de Made in Galiza, de Séchu Sende, porque no Son…
Estamos con ela
Nin sequera podemos imaxinar como teríamos sido nós se non decidisemos que ela formara parte da nosa vida. Tampouco se trata de se tería sido mellor ou peor, senón de que sería sinxelamente diferente e é precisamente iso o que nos resulta dificil de imaxinar: vivir sen ela.
O que temos claro é que se decidimos facelo foi porque nos parece interesante, porque con ela nos sentimos ben, porque nos fai descubrir cousas, porque confiamos nela e nos dá confianza e sabemos que ela sente o mesmo por nós. E porque cando nos demos conta soubemos que xa non era posíbel vivir sen estarmos xuntos. Que nos necesitabamos.
Queríamos reflexionar un pouco sobre todo isto e recordar que decidir vivir con ela foi unha das mellores eleccións da nosa vida.
Queríamos dicírvolo sinceramente: cambiou a nosa vida, e debémoslle tantas cousas…
Queríamos dicirlle grazas.
E queríamos dicirvos que estamos con ela, a nosa lingua.
Adaptación do relato «Estou contigo», de Séchu Sende.
Eis o vídeo gravado por unha parte do alumnado que, no Encontro do Audiovisual Escolar Galego, participou no Taller de Rodaxe impartido polo noso compañeiro, Fernando de Castro, a quen agradecemos a súa colaboración. Como vén sendo habitual, o Departamento de Plástica, sempre disposto a botarnos unha man!
A curta recrea unha das escenas de Matrix, película de referencia no ámbito da ciencia ficción:
Dende o extremo Amélie Nothomb toca a nosa realidade máis próxima en Un nome de dicionario. Quizais, porque pretende mostrarnos a esencia de nós mesmos, que tan agudamente soubo extraer no seu estado máximo de concentración. Sen máis retoques nin lirismo dos que rodean á fabulosa protagonista. Unha prosa fluída e fácil aínda que non por iso simple. Sinxelamente, real.
Hei de dicir que, a pesar disto, rozou o decepcionante nas últimas páxinas que custa distinguir dunha novela adolescente calquera: os diálogos e reaccións, estereotipados, resultan imposibles de crer e considero que podería estar máis traballado o perfil psicolóxico de Clémence en comparación co minucioso retrato da personalidade que se fai de Plectrude. Pero todo isto foi salvado heroicamente e polos pelos polo fantástico final, tan inesperado, a tenrura infantil e caprichosa coa que decide que aquí acaba a historia.
Non podo afirmar que deixe un gran pouso no lector. Entretén, lese rápido e remata deixándonos un sorriso e o xesto cheo de perplexidade. Quizais faltou un pouco máis de ambición por parte da autora ou quizais realmente é esta a historia que quixo retratarnos, como un engadido máis da súa obra e non como unha das pezas clave da súa literatura.
Clara Soutelo, da familia Soutelo. Filla do dono do pazo de Vilarelle, neta do anterior señor do pazo, en conclusión unha rapaza mais de cidade, desas que ían a Vilarelle e miraban por riba do ombreiro os mozos e as xentes da aldea. Pero non, Clara non era así, non era coma a súa prima, e se iso non fose suficiente, o verán de 1995 cambiou totalmente a súa vida.
Xa pasou bastante tempo dende o ocorrido, mais Clara necesita contalo, coa axuda dos seu diario e da memoria a historia irase desenvolvendo. A aparición dun corpo envolto nunha alfombra entre as paredes do pazo esperta a curiosidade de Clara. O corpo con dous tiros na cabeza non ten nome. Quen empuñou a arma? Quen é o morto? Coa axuda de Miguel, ese mozo da vila ao que coñeceu roubando mazás na súa horta e do que se enamorou sen darse conta, e do seu tío Carlos, o seu apoio emocional na familia. O misterio irá avanzando descubrindo segredos tapados pola Guerra Civil.
Corredores de sombra, de Agustín Fernández Paz, é un libro moi interesante e entretido, onde as sensacións e os sentimentos se suceden. As ansias de liberdade por parte de Clara, as ganas de superarse e escapar de Miguel e a curiosidade e ata decepción por parte de Carlos. O misterio é asombroso e á vez simple e as historias da Guerra Civil que se entrelazan no argumento son interesantes e a un tempo duras. En conclusión, na miña opinión Corredores de sombra é un libro altamente recomendable.